Exposición «A PORTA DO NORTE» // Comisario: Ramón Rozas
Pazo da Cultura de Pontevedra (Outono, 2014)
…
Porque son pura hedra as nosas lembranzas:
unhas, follas felices; outras podres.
déixame hoxe, agora, varealas,
confiando en que daquela non me escoites.
(‘Bico de neve’. Luis Rei Núñez)
Non é sinxelo facer unha exposición para explicarse a un mesmo, ou polo menos intentalo. Rosa Neutro non lle volve a cara ao reto. Muller valente e chea de afouteza mergúllase no seu universo persoal para atopar respostas ao vivido, repensarse a un mesmo e, sobre todo, balizar esa contorna pola que se move acotío.
Desbotando as sombras que nos acosan, apartando a maleza que nos envolve, enfrontándose aos medos que todos temos, ou mesmo xogando coas caprichosas agullas do tempo é dende onde traballa Rosa Neutro e ata onde quere levarnos. O tempo! nas súas mans todo ocorre, somos presos do seu acontecer converténdonos en seres indefensos a expensas do seu devir. Nel semella que o home é menos home e a muller menos muller, tornándonos en follas amarelas dun outono que caen ao chan para compoñer unha nova paisaxe, a do noso interior. Alí onde todo é máis difícil xa que a nosa soidade vólvese o espello no que atrapar todo aquilo que foi noso: a memoria, o recordo, as pegadas, os sentimentos, o vivido, o real ou o irreal. O lugar dende onde vimos pasar todo que forma parte das nosas vidas, unha arañeira na que pescudar o que xa é esquecemento e que agora tecemos de novo na reconstrución do que alicerza o que somos hoxe.
A mirada de Rosa Neutro vaise a pousar na loita entre o exterior e o interior, dende ese efecto máxico, case telúrico que simboliza o lintel como punto de transición. O que separa o útero da vida en sociedade, o faiado da natureza, o pechado do aberto. Unha loita de contrarios na que se comparte unha mesma sensación, a intención da mirada, o de buscar onde semella que non hai nada para amosar outra realidade, esa que se foi artellando ano tras ano, ás nosas costas, pero que sempre estivo aí, nun complice silencio. A cámara recupera aquilo que estaba oculto, detrás dunha tea, dunha verxa, duns novelos ou dunhas vellas entradas de cinema; pero tamén dunha corrente de auga, dunha lúa tapada pola escuridade ou dun valado, algo que tapa algo, un obstáculo ao que chega a hora de enfrontarse na procura dun mesmo. É o tempo das presenzas entendidas como ausencias, a necesidade de facer da pegada o recordo daqueles que estiveron antes ca nós e que esa chuvia amarela, empregando o título da novela de Julio Llamazares, foi sepultando ante nós mesmos, cando aínda non tiñamos a madureza necesaria para rebuscar entre a ‘hedra das lembranzas’, como canta o poeta movendo ese axóuxere literario co que acougar os nosos propios demos.
E a volta de todo, nós, testemuñas de hoxe que coa pátina do tempo ollamos polo burato que nos pon diante Rosa Neutro. Descubrimos así un andel no que esta muller vai deixando os tomos da súa enciclopedia vital, unha arriscada proposta que, á vista dos resultados, alenta aínda máis a súa obra afouta, deixando un camiño luminoso de indubidable plasticidade, baseado nunha forza brutal, polo que ten de amosar o eu, iso que é cada vez máis complexo para o ser humano actual e que nos converte, a cada un de nós, en figurantes senlleiros deste camiñar que son as nosas vidas na procura dun norte no que atoparnos a nós mesmos.
Ramón Rozas (Comisario e crítico de arte)
ENLACES:
Texto de Ramón Rozas en castellano